Ángel Rivero renova un ano co Frigoríficos del Morrazo

O lateral dereito hispano-cubano seguirá en Cangas tras a execución da cláusula de renovación automática do seu contrato por unha campaña máis.

Foto de @robertowskipics

O Frigoríficos do Morrazo seguirá contando con Ángel Rivero na tempada 2026/27. O club executou a cláusula de renovación automática do contrato do lateral dereito hispano-cubano, nado en 1992, que cumprirá así a súa segunda tempada en Cangas. Trátase da sétima renovación confirmada pola entidade de cara ao vindeiro curso, nunha clara aposta pola continuidade dun bloque que está a demostrar compromiso, competitividade e identidade nun momento clave da tempada.

O director deportivo do club, Óscar Fernández, amosouse moi satisfeito con esta nova
renovación: “Ángel é un xogador contrastado e polo que decidimos apostar para aportar veteranía e liderazgo dentro da pista, pero foi tamén un gran descubrimento a nivel humano, polo que estamos moi contentos de ampliar a duración do contrato por unha tempada máis”. “Ángel leva demostrando partido a partido e adestramento a adestramento a súa profesionalidade e a súa calidade. Temos moita sorte de seguir contando cun xogador que achega non só co seu poderoso lanzamento, senón tamén coa súa intensidade defensiva”.

Pola súa banda, Ángel Rivero e a súa familia trasladaron ao club o ben que se senten en
Cangas, tanto pola súa integración no día a día como pola relación co club, coa vila e coa
afección. O xogador valora especialmente a proximidade que atopou desde a súa chegada e o compromiso da bancada co equipo e cos xogadores.

Rivero tamén considera fundamental a entrega do grupo e a predisposición do vestiario para acadar o obxectivo da permanencia, ao tempo que ve con moi bos ollos a continuidade do bloque de cara á próxima campaña, xa que iso facilita o traballo colectivo e a construción dunha plantilla máis sólida e compenetrada. Aínda así, o seu foco segue posto no presente e en axudar ao equipo a certificar a salvación nesta recta final.

Forza Cangas!

Foto de @robertowskipics

0
    0
    O teu carriño
    O teu carriño está baleiroVoltar á tenda
    Ir al contenido