O Frigoríficos quédase ás portas da remontada ante Bathco Torrelavega

Un gran tramo final permitiunos poñernos a un gol a falta de cinco minutos, pero non fomos quen de completar a remontada en O Gatañal

Unha crónica de David Moldes para balonmancangas.com

Foto de @robertowskipics

Non puidemos sumar ante o Bathco Torrelavega nun partido no que reaccionamos tarde, pero no que tamén fomos quen de rozar unha remontada que por momentos semellaba imposible. Despois de chegar a estar nove goles abaixo no arranque da segunda metade, conseguimos meternos de cheo no encontro cun espectacular parcial que nos puxo a só un tanto do empate. Porén, nos minutos decisivos, dous erros condenáronnos e deixaron os dous puntos en mans do conxunto cántabro.

O encontro comezou ben para nós. Da man do brazo de Ángel Rivero, moi inspirado no arranque, logramos levar a iniciativa nos primeiros minutos e mandamos no marcador. Pero o Torrelavega non tardou en axustar a súa defensa e, a partir de aí, empezamos a sufrir. As perdas en ataque e a falta de solidez atrás permitiron aos visitantes darlle a volta ao partido cun parcial contundente, obrigándonos a parar o encontro ben cedo.

Co paso dos minutos non logramos atopar continuidade nin en ataque nin na nosa defensa 6-0, e o rival foise asentando cada vez máis sobre a pista. O Bathco aproveitou as nosas dificultades para abrir unha brecha importante antes do descanso, ao que se chegou cunha desvantaxe de sete goles.

O inicio da segunda parte tampouco foi o desexado e o Torrelavega chegou a acadar unha renda máxima de nove tantos, deixando o partido moi costa arriba. Nese momento, todo parecía practicamente decidido, pero o equipo soubo agarrarse ao partido. A entrada de Mateo Pallas deulle aire á portería e, desde aí, empezamos a medrar.

Pouco a pouco, fomos recuperando intensidade defensiva e atopando mellores situacións en ataque. O equipo creu, O Gatañal empurrou e a diferenza foi reducíndose ata converter os últimos minutos nun intercambio de máxima tensión. Cun parcial demoledor chegamos a poñernos a só un gol do empate, alimentando a esperanza dunha remontada épica.

Estivemos moi preto, pero non chegou. Nos momentos de máxima esixencia, cando todo estaba no límite, non fomos quen de rematar o traballo e o Bathco Torrelavega acabou levando a vitoria de O Gatañal.

Toca quedar coa capacidade de reacción e co carácter amosado nun contexto moi complicado, pero tamén aprender dos erros para volver competir mellor no seguinte compromiso.

Ficha técnica

28 – Frigoríficos do Morrazo: Panjan, Arnau Fernández (1), Manu Pérez (1), Santi López (5), Quintas (2), Rivero (7) e D’Antino (4, 2p) -sete inicial-; Mateo Pallas (ps), David Valderhaug (2), Gayo (2), Ludman (1), Javi García (1) e Martín Fuentes (2).

30 – Bathco Torrelavega: Calle, Rubiño (1), James Edward (1), Isidoro Martínez (3), Marcio Silva (3), Moyano (6) e Cangiani (3) -sete inicial-; Leo Tercariol, Prokob (4), Javi Muñoz (4p), Juanjo Fernández, Lombilla, Ángel Fernández (3), Aja (1) e Colunga (1).

Marcador cada cinco minutos: 3-1, 5-6, 7-10, 10-13, 13-17, 13-20 (descanso); 15-21, 16-24, 20-26, 24-27, 26-28 e 28-30.

Árbitros: José Manuel Iniesta Castillo e comité valenciano. Excluíron a Juanjo Fernández no conxunto visitante.

Incidencias: Encontro correspondente á xornada 21 da Liga ASOBAL disputado no pavillón de O Gatañal ante arredor de 2.200 espectadores.

Foto de @robertowskipics

0
    0
    O teu carriño
    O teu carriño está baleiroVoltar á tenda
    Ir al contenido