O club organizará unha “Vermú Session” con pulpeiro, DJ en directo, cantina, recibimento ao equipo, bingos especiais e unha xornada de irmandade entre afeccións

O Frigoríficos do Morrazo quere converter este sábado 14 de marzo nunha auténtica xornada de balonmán e ambiente arredor de O Gatañal con motivo do importante encontro que o equipo disputará ante o Bathco Balonmano Torrelavega, a partir das 17:30 horas.
Aproveitando o bo horario do partido e a previsiónd e bo tempo, o club decidiu impulsar unha previa especial baixo o nome de “Vermú Session”, unha iniciativa pensada para que a afección se achegue ao pavillón dende primeira hora da tarde e poida gozar dunha xornada completa antes dun dos encontros máis esixentes deste tramo da tempada.
A xornada servirá tamén para recuperar outra das accións que historicamente formaron parte do ambiente en O Gatañal: a celebración de dous bingos especiais con premios. O primeiro terá lugar ás 15:55 horas e será gratuíto e exclusivo para as persoas asistentes ao recibimento do equipo. O segundo celebrarase ás 17:00 horas, e para participar nel entregarase un cartón por cada 5 euros consumidos na cantina durante a previa.
Entre os premios previstos figura, entre outros atractivos, a camiseta conmemorativa rosa de ADICAM, unha peza moi especial para o club e para a súa contorna social. Ademais, esta “Vermú Session” será tamén un punto de encontro entre afeccións, cun ambiente de irmandade entre Marea Azul e Cabrones del Norte, reforzando o carácter festivo e social dunha xornada que quere ir máis alá do propio partido.
Con esta iniciativa, o Frigoríficos do Morrazo busca volver facer dos arredores de O Gatañal un espazo de convivencia, identidade e apoio ao equipo, xerando o mellor ambiente posible de cara a un duelo de máxima esixencia fronte ao Bathco Balonmano Torrelavega. O club anima a toda a afección a sumarse á iniciativa, gozar da previa dende primeira hora da tarde e acompañar ao equipo nunha cita que se agarda clave tanto dentro como fóra da pista.
Forza Cangas!

Foto de @robertowskipics
