O Club Balonmán Cangas informa que Arón Díaz Ledo fará efectiva a súa retirada como xogador profesional ao final da presente tempada, polo que os encontros que restan serán os seus últimos partidos co Frigoríficos do Morrazo dentro da elite.
A decisión responde á oportunidade de afrontar unha nova etapa laboral e formativa, unha opción que lle permitirá medrar no seu camiño académico e profesional, e que fai especialmente difícil compatibilizar as esixencias do deporte profesional.

A pesar da retirada como xogador, Arón continuará ligado ao clube, integrándose na estrutura deportiva no área de preparación física e readaptación de lesións, reforzando un departamento clave no rendemento e na saúde dos xogadores.
Pola súa banda, o director deportivo, Óscar Fernández, destacou: “Só temos palabras de agradecemento para Arón pola súa entrega e profesionalidade durante estes dous anos. Foi un xogador e un traballador sempre disposto a axudar e, por iso, é outro dos que encarnou á perfección o 100% ADN Cangas.”
O propio Arón Díaz Ledo explicou así o significado desta decisión, engadindo un matiz moi persoal ao momento que vive: “Sempre dixen que é unha honra defender cores galegas en ASOBAL co Cangas. Por iso, non hai sitio mellor para deixar de ser xogador e sentir que cumprín un soño. Levo moito dentro todo o que vivín aquí: o pavillón, a xente, os compañeiros… e só teño palabras de agradecemento para o clube e a directiva pola confianza e, especialmente, para a afección, por non deixar nunca de empurrar, tamén cando máis o necesitabamos. Gocei moito de O Gatañal, pero aínda quedan tres meses de traballo duro na loita pola permanencia, e vou seguir dando o 100% con esta camiseta ata o último día.”
Canteirán de Lalín, Díaz Ledo acumula unha traxectoria de sete campañas no balonmán de alto nivel: tres tempadas no Puerto Sagunto, dúas no Balonmán Cangas e dúas no Teucro, club no que debutou.
Forza Cangas!

Foto de @robertowskipics
