Javi García renova con Frigoríficos do Morrazo

Javi García e o Frigoríficos do Morrazo renovan o seu compromiso unha tempada máis.

O Pivote leonés seguirá vinculado ao Clube e cumplirá así a súa segunda campaña na vila morracense.

Foto de @robertowskipics

No plano deportivo, Javi García é un pivote que dota de moitas variantes ao xogo ofensivo: destaca pola súa capacidade de desmarque, polo seu traballo nos bloqueos e pola súa calidade na definición, sendo un seguro na liña dos seis metros.

O Director deportivo da entidade, Óscar Fernández destaca: “Tivemos mala sorte tanto el como nós con esa lesión, que non nos permitiu gozar de Javi na maior parte da tempada, pero como demostrou ante Nava, é un xogador comprometido ao 100% co club e co equipo. Ese é un dos principais motivos para seguir confiando nel, un xogador que loita polo Cangas e polos seus afeccionados”. “A nivel de xogo pouco hai que dicir. Javi dálle ao equipo ese plus de calidade como xogador dominante nos seis metros, ademais de coñecer a liga e ter a experiencia que permite ese salto de calidade. Estamos moi contentos con el e con ganas de velo nesta segunda volta”.

Pola súa banda, Javi García comenta: “En Cangas sentinme moi cómodo desde o primeiro día, tanto no clube como no pobo. A maneira de vivir o balonmán en O Gatañal e o apoio da afección fan que sexa doado apostar por seguir aquí”. Co foco no inmediato, o pivote deixa clara a prioridade do vestiario: “Agora o importante é estar dispoñible e sumar nesta loita. Quero axudar ao equipo na pelexa pola permanencia e, a partir de aí, seguir medrando xuntos”.

Con este acordo, a continuidade de Javi García convértese na quinta renovación confirmada dentro da plantilla que dirixe Quique Domínguez, nunha liña de traballo na que o club e a dirección deportiva priorizan manter o bloque e dar estabilidade ao proxecto. A directiva do Balonmán Cangas continúa avanzando na planificación da vindeira tempada, e espéranse novos movementos nas próximas semanas en materia de renovacións. Mentres tanto, o foco competitivo segue posto no presente, o seu compromiso absoluto coa permanencia na Liga
ASOBAL.

Forza Cangas!

Foto de @robertowskipics

0
    0
    O teu carriño
    O teu carriño está baleiroVoltar á tenda
    Ir al contenido