O Club Balonmán Cangas anuncia a renovación do porteiro croata Ivan Panjan (Sisak, 1998) ata 2027.
Nun momento onde o mercado de fichaxes está en movemento, afianzar esta renovación senta as bases do proxecto do Clube con respecto á vindeira campaña

Esta renovación supón un paso estratéxico no obxectivo da directiva e do corpo técnico liderado por Quique Domínguez, xa que o clube seguirá traballando intensamente para pechar a continuidade da súa columna vertebral, co obxectivo de consolidar un proxecto a longo prazo, ambicioso e estable dentro da elite do balonmán nacional.
Dende a entidade, a confianza no gardameta é total: “A confianza en Panjan é plena. É un traballador exemplar e un profesional que soubo facerse co posto nun momento difícil. Xa demostrou ter o ADN Cangas que buscamos en cada xogador“, sinalaba Óscar Fernández, director deportivo do clube.
Pola súa banda, Ivan Panjan amosou a súa satisfacción por seguir vencellado ao proxecto: “Estou moi feliz en Cangas. O ambiente no Gatañal, a calor da afección e o día a día no pobo fixéronme sentir coma na casa desde o primeiro momento. Síntome con moita confianza e creo firmemente no camiño que está seguindo o clube“.
Un referente baixo paus Panjan (Sisak, 1998) logrou conectar coa afección canguesa grazas a grandes actuacións que lle valeron, entre outros méritos, ser candidato ao MVP da liga no pasado mes de decembro. Cunhas estatísticas que o sitúan superando xa as 120 paradas nesta primeira volta, a súa figura é clave tanto no aspecto técnico como na xeración de contraataques.
Con este movemento, o Frigoríficos do Morrazo pecha unha peza clave do seu quebracabezas para o futuro inmediato, garantindo seguridade e experiencia internacional para o seu marco ata 2027.
Forza Cangas!

Foto de @dgcphotographer
