ASOBAL e Nexus Energía firman un acordo para que a empresa de electricidade, gas natural e representante de servizos enerxéticos sexa o “title sponsor” da nova Liga Nexus Energía ASOBAL.

A tempada 2025/26 comeza cun novo impulso para a máxima competición do balonmán estatal. A empresa Nexus Energía convértese no novo patrocinador oficial e title sponsor da Liga ASOBAL, que pasa a denominarse oficialmente Liga NEXUS ENERGÍA ASOBAL.
Desde o Balonmán Cangas – Frigoríficos do Morrazo, celebramos esta alianza que reforza a imaxe da nosa liga e suma un socio comprometido coa sostibilidade, a eficiencia e o futuro enerxético.
O acordo foi presentado na sede de Nexus en Barcelona, cun acto que contou coa presenza de Joan Canela, director xeral da compañía, e Servando Revuelta, presidente de ASOBAL. Nexus, con máis de 25.000 puntos de subministración e un forte compromiso coas enerxías renovables, únese así ao proxecto de profesionalización e avance que está a vivir o balonmán español.
Enerxía limpa, valores compartidos
A visión sostible de Nexus conecta cos valores do deporte: traballo en equipo, superación, innovación e vida saudable. O seu apoio reforza tamén a ASOBAL Legacy League (ALL), unha iniciativa que mide e premia as accións sostibles dos clubs da liga, nas que o Balonmán Cangas xa está a traballar con iniciativas ambientais e sociais a nivel local.
Un paso adiante para toda a familia ASOBAL
O noso deporte dá así un salto en proxección e responsabilidade. A presenza de empresas como Nexus fortalece o ecosistema do balonmán profesional, e reforza o camiño iniciado pola ASOBAL cara unha liga máis moderna, dixital, e comprometida co planeta.
Como clube, seguiremos a remar na mesma dirección: traballando polo noso eido deportivo, pola nosa afección e tamén polo futuro común que queremos construír.
