O Club Balonmán Cangas anuncia a incorporación do porteiro internacional Haris Suljevic (2001,Montenegro), que reforzará a portería do primeiro equipo para a tempada 2025/2026, con opción a unha segunda campaña
Internacional absoluto con Montenegro, Haris atópase actualmente concentrado coa súa selección nacional co obxectivo de acadar a clasificación para o Campionato de Europa de 2026, gañando protagonismo tras a lesión do seu compañeiro Nebojsa Simic

Haris Suljevic chega procedente do Izvidac, actual campión de Bosnia e semifinalista da EHF European Cup, competición na que destacou como o gardamallas con máis paradas do torneo. Cunha altura de 1,93 metros, grandes reflexos e unha ambición desbordante, Haris supón unha aposta decidida por parte do club para cubrir un posto clave tras as baixas de Jorge Pérez e Luka Krivokapic.
Desde o club, o director deportivo Óscar Fernández destaca:
“Haris era unha oportunidade inmellorable para reforzar unha das posicións máis determinantes como é a portería. Levamos seguíndoo durante toda a tempada e cremos firmemente que ten potencial para converterse nun xogador moi importante aquí, onde os porteiros son clave ano tras ano. Ten carácter, gañas de traballar e moito marxe de crecemento. Estamos moi ilusionados coa súa chegada.”
O propio xogador tamén expresou o seu entusiasmo por vestir a camiseta do Frigoríficos do Morrazo e iniciar unha nova etapa na Liga ASOBAL. Haris asegura que xa está traballando para adaptarse o antes posible ao idioma e ao entorno, e ten moitas ganas de vivir o ambiente do Gatañal desde dentro.
Benvido, Haris. Xa formas parte da familia do Gatañal.
Forza Cangas!