O Frigoríficos del Morrazo, perde o prometedor pivote portugués que volta a un FC Porto sacudido polas baixas dos seus pivotes.
O capítulo de malas novas no noso equipo amplíase coa noticia de que un dos nosos referentes ofensivos ten que saír do equipo a metade de temporada. Brandao, que chegou como un xogador de moito futuro, chegaba a Cangas coa intención de coller experiencia para voltar o todopoderoso Porto convertido nun xogador máis completo.
Pois ben, a situación actual do Porto, cos seus dous baluartes na liña dos 6 metros mancados, propiciou que este salto chegara antes do esperado. Víctor Iturriza e Daymaro Salina, os pivotes tamén da Selección Portuguesa, estarán apartados das pistas uns meses e por iso os lusos, actualmente loitando en tres competicións, executaron a cláusula de recuperación do contrato de Brandao.
A xoia de Aveiro estaba a completar unha gran primeira volta en ASOBAL, sendo un dos referentes ofensivos e unha peza importante na defensa, e iso foi o principal motivo para que a entidade portuguesa buscara reforzarse na casa. O xoven pivote, moi agusto nesta experiencia en Cangas, será o encargado de facer olvidar a dous grandes xogadores.
Para nós, que estamos inmersos en plena loita pola salvación, convírtese nunha situación delicada, e dende a dirección deportiva xa se traballa para atopar un reemplazo de garantías que nos axude a acadar o obxectivo.
“O contrato de cesión reservaba a opción de recuperalo e ante a situación, non podemos facer nada para retelo ” comentaban dende a directiva. Por tanto, agora mesmo, só nos queda agradecer a Porto a posibilidade de poder desfrutar a Brandao neste tempo, seguir traballando en futuras colaboracións entre clubes, e sobre todo, desexarlle todo o mellor a “Richi”, un xogador que estamos seguros se convertirá nun dos mellores na súa posición.